12 jun 2012

OS CABAQUEIROS DO BAIXO MIÑO E AS TELLEIRAS DE CESANTES, POR JOSÉ BOUZÓN





En primeiro lugar gustaríame agradecer, no meu nome e en nome do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy, a quen represento, a invitación para ler o pregón da vixésimo terceira festa do Cabaqueiro, sobre todo tendo en conta a nosa curta achega ao grupo de persoas que traballan no estudo e na recuperación da historia dos cabaqueiros.
Foi en setembro do ano 2006, por mor da realización dun estudo para a recuperación da historia da Parroquia de Cesantes, no concello de Redondela, cando un grupo de traballo do Obradoiro Fernando Monroy, comezou a investigación ao redor da existencia de numerosos restos dunha telleira na nosa Parroquia.
A pesar de que este feito era coñecido polos veciños da zona, non o era a importancia que, tanto desde o punto de vista arqueolóxico como histórico, teñen os restos que alí existen, pois se localizaron, en bastante bo estado de conservación, os restos de catro fornos e dúas pías e sospeitamos que poden existir aínda máis, posto que a zona é ampla e está bastante abandonada.


Tras a limpeza e localización dos restos, o grupo de traballo dedícase a recoller información das persoas que puideron explotar estas fábricas, o que nos leva ata ó Concello do Rosal. A amabilidade e cortesía das persoas que aquí traballan estes temas, facilitounos de xeito claro a nosa tarefa de investigación e deunos a primeira das alegrías, pois na memoria da X Festa do Cabaqueiro e no pregón lido por Ernesto Iglesias Almeida, publícase:
“Aviéndose dado conta polo Abad de Zesantes, de que Josef González Lascarín, fabricante de teza, non pagaba o diezmo diso como debía, en conformidade do costume unibersal, en que se prexudicaba así mesmo ao Cabildo, como partífice na metade de diezmo. E no seu bista acordouse acudir ao ordinario Excelencia executándole pola súa importe e que o execute no subcesibo sen a menor escusa para o que se forme o recurso correspondente.” (22 de agosto do ano 1781)

O telleiro José González Lascarín é un dos buxas máis antigos que se coñece, tal como exprésase na publicación do Concello do Rosal. Era natural de San Miguel de Tabagón, onde vivía coa súa esposa María Martínez-Foguete Ferreira (natural de Salcidos) e traballaba na Telleira de Cesantes.
Desde esas datas, a relación entre os telleiros do Baixo Miño e as telleiras de Cesantes continuou ata o ano 1929 en que deixaron de funcionar. As cuadrillas que saían na primavera instalábanse na nosa parroquia ata o outono, dando continuidade e vida a unha actividade que condicionou a existencia das persoas que alí residían. Tanto a condicionou que varios dos telleiros que saíron unha primavera non regresaron ese outono, senón que casaron en Cesantes e decidiron establecerse alí, onde hoxe aínda viven os seus descendentes.
Recollendo a luva de Rafael Sánchez Bargiela, que no pregón lido en estas festas expuxo: … resta coñecer a documentación e actividade dos telleiros rosaleiros dende unha nova perspectiva: a dos pobos de acollida … ¿Cantos telleiros namoraron e quedaron nas localidades de destino? queremos achegar o noso gran de area polo que respecta á nosa parroquia e aos que xa consideramos os nosos telleiros.


Durante o século XIX, dúas eran as familias de telleiros que cada primavera chegaban ata Cesantes, os seus representantes: Francisco Antonio Portela Vicente e Francisco Manuel Álvarez Portela. Pois ben, dous dos fillos do primeiro, José Mª e Benito Antonio coñeceron a dúas irmás Dores e Rita Casqueiro, coas que casaron, quedándose nesta parroquia, pero ademais, unha das fillas de Benito Antonio e Rita casaría cun dos fillos de Francisco Manuel Álvarez Portela, Juan Álvarez Portela, coñecido como o “Capitán”. Juan foi o último telleiro de Cesantes.
Seguindo coa procura de información reunímonos cun fillo de Juán Álvarez Portela, o Capitán, chamado Jesús Portela Casqueiro (O Torto), recentemente falecido e que había traballado co seu pai nas telleiras. Nesta entrevista contounos como ademais de facer tellas e ladrillos, os fornos das telleiras de Cesantes serviron para que na guerra civil estivese agochado “O Cabezote” pois aínda que se tapara por arriba o forno, estaba aberta unha das bocas da parte de abaixo, polo que era un bo sitio para agacharse e que ninguén o atopara.
Tamén soubemos dos seus dotes para camiñar, xa que vivían en Salcidos en ían a pé ata Cesantes. “Un día, sendo neno, á hora da comida metinme debaixo da mesa e escoitei a meu pai “O Capitán” dicir que esa noite saían para a telleira de Cesantes. Saíron de noite, a pé, levando a ferramenta e outras cousas a cabalo. Levanteime ás seis da mañá, metín un pouco de comida nunha saqueta e votei a andar ata Cesantes.
Ó chegar a Cividanes, onde había un cemiterio sentín tanto medo que din volta para a casa. O entrar na casa escoitei a miña nai preguntar polo neno, dicindo “deixo vir, xa virá”, así que, sabendo o que me esperaba, volvín a coller a porta e votei a andar cara a Cesantes, aí xa non tiven medo nin o cemiterio nin a nada. Pasei por Tui ás dez da mañá e alí parei para ver como xogaban os rapaces as canicas e de novo a camiñar.
Ó chegar O Porriño tiven que pasar moi despazo e con moito coidado porque alí estaba o cuartel da Guarda Civil e se me collían daríanme unha chaqueta que me ían pór quente. Seguín por Mos e outra vez a pasar medo polo cemiterio e así ata chegar a Cesantes. Cando íamos de volta para Salcidos, cargábamos no cabalo 6 ou 7 sacos de mariscos, se íamos costa abaixo montábamos no cabalo e senón a pé, e levabámolos ata a Guarda, onde o vendíamos e facíamos o capital”.
As relacións entre telleiros do Baixo Miño e as telleiras de Cesantes foron continuas, polo menos durante dous séculos. A nosa homenaxe aos cabaqueiros no día da súa festa é dar continuidade a esa relación, trasladada agora ao ámbito da investigación e a divulgación, entre a parroquia de Cesantes e o Concello do Rosal, iniciada fai xa tres anos, e que esperamos supere aqueles dous séculos de relacións.
Moitas grazas.
José Manuel Bouzón Pintos
(Memoria da XXIII Festa do Cabaqueiro. O Rosal 2011)

1 comentarios:

Teño escoitado a amigos con antepasados na zona do Rosal dicir que apodaban ós temporeiros das telleiras como CARRASCOS, por ter que ir facer súas necesidades entre o mato ou carrasqueiras dos arredores. Gostaría que alguén o aclarara e ampliara. Gracias.