12 jun 2012

HOMENAXE AO CABAQUEIRO VICENTE FERNÁNDEZ ÁLVAREZ, "VICENTE DE ADRIÁN"

       

        Na Memoria da XXIII Festa do Cabaqueiro, da autoría de Xoán Martínez Tamuxe e editada polo Concello do Rosal o pasado ano, pódese ler a biografía, a modo de homenaxe de Vicente Fernández Álvarez, alias "Vicente de Adrián":
“O noso biografiado, fillo de Antonio e de Teresa, naceu na Mata, da Cumieira de Arriba, o 30 de outubro de 1928.
            Lémbranos Vicente, que asistiu pouco tempo a escola, cuxo profesor era D. Codino Pérez, ourensán.

TELLEIRA DE TRASANCOS, NARÓN (A CORUÑA)
            Cóntanos o amigo Vicente que a súa primeira cabaqueira foi esta, onde cumpriu os 11 anos. Era buxa seu pai, experimentado cabaqueiro, Antonio Fernández, de orixe portugués. Como é lóxico o seu traballo, como principiante, foi o de cociñeiro, recadeiro… Desa cuadrilla cóntanos, formou parte, entre outros, Pepe da Cardosa, do Barrio Novo, home duro, que traballou de oficial. Tendíalle Florencio de Adrián (seu irmán), excelente lasqueante neste oficio, así tamén despois como oficial.

SEGUNDA CABAQUEIRA
            Tamén, conta Vicente, que con seu pai como buxa e na mesma Cabaqueira, en Trasancos (San Mateo), repetiu unha temporada máis. Neste 2º ano lembra como novidade de carretilleiro a Alfredo Caravelo. Por tanto volveron a lasquear os mesmos, oficial Pepe da Cardosa, e tendedor, Florencio. Recorda que o carretilleiro, cobraba 100 ptas. cada mes, en 1941.
            O amo desta telleira, alugou logo esta cabaqueira (así como outros terreos) a un tal Bernabé Castro.

Con Xoán Martínez Tamuxe, entrevistador e autor da Memoria

TRABALLO NO CAMPO
            Desta data a 1950, quedou na casa, traballando coa familia no campo,  pois eran labradores fortes. Vicente foi colaborador singular con seu pai “Antonio de Adrián”, na época da sementeira, na tarefa de labranza, pois, era popular a fama de contar “os de Adrián” cos mellores bois.
           
VICENTE NA MILI
            Vicente Fernández Álvarez cumpriu coa súa quinta a obrigación militar na VIII Unidade de Veterinarios, na Coruña. No servizo militar estivo ano e medio. Como entendía de campo e con animais e carro na casa, encargouse do coidado dun grupo de fortes e lúcidos mulos de tiro, actuando como “carrero” do exército nesta unidade. Nos comentou que cree que, quizás, sexa o único que na mili foi “carrero” (con un carro, tipo do oeste de dous mulos).
            Afirma Vicente, que el aprendeu moito na “mili”, e que aquela experiencia, incluso a de “carreiro”, lle foi de proveito e grande utilidade. Lamenta que se haxa eliminado. Pois, di, a xuventude, podía aprender moitas cousas… no servizo militar.

A TELLEIRA DE VILLAVIEJA DE HIELTES
            Nos comenta o noso biografiado que rematado o servizo, traballou nesa cabaqueira, tendo como oficial a Enrique de Maximino, casado en Pías (abril 1952). Desa telleira e de grandes fincas (quintas), era xefe un tal Antonio Vázquez. Nesta cabaqueira, traballou varias temporadas (1953-1954-1955). Lembra da cuadrilla a Rafael González (Pataqueiro +), Ricardo Alonso (do Picho, casado en Buxán) e tamén a Manolo do Picho, da Cumieira).
            Nesta temporada lembra e ben que traballou moito carrexando con mulos, cantidade de barro. Aquí nesta cabaqueira de Villavieja (Salamanca), quedou moi contento aínda que “lasqueou xido arrañou 3.000 zuricas” na primeira temporada; na 2ª, 4.000; a 3ª, 4.500; a 4ª, 5.000 ptas.

VICENTE, CÁSASE
            O noso cabaqueiro contrae matrimonio con Obdulia Pérez Portela (de Sandián) o 19 de xaneiro de 1955. Do seu matrimonio, tiveron a Lourenzo, Álvara e Braulio Jacobo.
Vicente á dereita, na eira da cabaqueira da que era buxa Santiago do Pino

TELLEIRA DE ESTREMIL CURTIS (A CORUÑA)
            Nesta telleira traballou en sociedade con seu irmán Florencio. Tiñan de “buxa” ou amo a Ramón Ventureira, cata de Curtis. Era xefe da cuadrilla Florencio, que compartía con Vicente como oficial o segundo banco ou traseiro (traballo en correa). Aquí traballou Santiago do Pino, como “primeiro oficial”, a quen lle tendía, un irmán de Manolo Sandianes. Nesta temporada Vicente sacou 6.000 ptas.

Fin da primeira parte. Continuará...

0 comentarios: