Gera e Yeya proclámanse campións do especial IV Campionato de Futbolín

Na imaxe os 26 participantes deste IV Campionato de Futbolín 2012 na honra dos Cabaqueiros

XXV aniversario da Festa do Cabaqueiro (6, 11, 12, 13 e 14 de outubro)

Na imaxe o Alcalde, concelleiros, cabaqueiros e organizadores da Festa durante a súa presentación

O Rosal acolleu o I Campionato Galego de Futbolín oficial do ano 2012

Na imaxe, algúns dos xogadores/as da Asociación participantes, pousando diante do "Cabaqueiro"

Sevi e Dani gañan con autoridade o I Torneo de Futbolín Dalle co Sacho!

O evento estivo organizado pola A. C. A Velha na Horta coa colaboración da Asociación Os Cabaqueiros

Pablo e Mingos, vencedores do I Campionato de Futbolín San Xerome

O Campionato estivo organizado polo Centro San Xerome coa colaboración da Asociación

Frony e Carlos, campións do II Open de Futbolín O Rosal 2012. Bar Floro

Na imaxe, os vencedores pousan na entrega de premios con Amparo, propietaria do Bar Floro

Jallas e Diego, campións do I Open de Futbolín O Rosal 2012. Bar Troya

Na imaxe, os 38 participantes da novidosa iniciativa de xogo "por sorteo" da Asociación Os Cabaqueiros

Ruth e Mary, conseguen o 5º posto no Campionato Nacional de Futbolín

Na imaxe, os equipos do Baixo Miño participantes na modalidade "parado" e no "feminino". ¡Noraboa!

Os Arginas, Os Esnorzados, Os Embuchados e Brasil no Sucá, vencedores

Na imaxe no máis alto do podium, Sergio e Galis, campións; Sergio "Trinta" e Carlos (subcampións) e Juan e Sergio "Demo", terceiros, na compaña do Alcalde, pregoeira, xogadores e os mestres cabaqueiros

As Divinas, Hai Chapa e Bar Floro, ao Campionato de España de Futbolín

Na imaxe Conchi e Vanesa (subcampionas), Mary e Ruth (campionas), Noe e Maite (terceiras clasificadas), gañadoras do II Campionato Feminino de Futbolín Noticias O Rosal 2011

A Asociación participou por primeira vez na reunión previa da FESTA

Na imaxe Yeya, Sevi e Delio pousan xunto coa concelleira de Cultura, Charo Tabales, o coordinador da Festa, Xoán Tamuxe e os CABAQUEIROS Luis, Juanciño, Alfredo,Trintiña, Praxíteles, Piedra e Juan V.

Os mestres cabaqueiros inauguraron o II Campionato de Futbolín 2010

Na imaxe, Trintiña e Yeya vs Juan Vicente e Luis na partida inaugural do pasado ano.

Os vencedores do I Campionato de Futbolín 2009 pousan cos Cabaqueiros

Yeya e Luis no máis alto dun podium que completaron Galis e Sergio (subcampións) e "Os Dous Diegos", terceiros. Na imaxe cos mestres telleiros, o Alcalde e a concelleira de Cultura

O noso sincero agradecemento á MARISQUERÍA O ROXO (A Guarda)

Sergio Casal fai entrega dun cadro e copiña, agasallo da Asociación, á propietaria e ao pequeno Ángel

¡¡Graciñas ao BAR FLORO pola súa inestimable e exemplar colaboración!!

As simpáticas irmás Delia e Amparo pousando diante da estatua en homenaxe ao Cabaqueiro

Toda a nosa gratitude para Enrique e a casa rural CASA CABAQUEIROS

Na imaxe Carlos, Marcos, Jorge, o propio Enrique, Yeya, Diego, Ángel e Sergio na Casa Cabaqueiros

O noso sincero agradecemento ao RESTAURANTE JUAN (O Rosal)

Na imaxe, o propio Juan felicitou e obsequiou cunha impresionante mariscada a Ruth e Mary, gañadoras do I Campionato Feminino de Futbolín Noticias O Rosal 2010

A nosa gratitude ao BAR TROYA pola súa colaboración xa dende 2009

Zaira Solla e Yeya Casal pousan co cartel anunciador do III Campionato de Futbolín Os Cabaqueiros

Graciñas ao BAR D'BUTE pola súa colaboración nos Campionatos

Sevi (campión de España F-2, 2010) e Galis (campión do Cabaqueiros, 2011) suxeitan a pancarta anunciadora do I Campionato Mixto de Futbolín, con Javi González (Bute) e o seu camareiro, José

O noso sincero agradecemento a CONFITERÍA ROGELIO (O Rosal)

Na imaxe, Begoña López Vicente pousa diante da estatua do Cabaqueiro coa súa irmá.

9 oct. 2012

GERA E YEYA PROCLÁMANSE CAMPIÓNS DO ESPECIAL IV CAMPIONATO DE FUTBOLÍN OS CABAQUEIROS. CONCELLO DO ROSAL 2012




O sábado 6 de outubro celebrouse no Salón de Exposicións Municipal, na Praza do Calvario, o IV Campionato de Futbolín Os Cabaqueiros. Concello do Rosal 2012, con motivo do XXV Aniversario da Festa do Cabaqueiro.


Foron finalmente 26 xogadores (entre eles 6 rapazas) os que competiron neste xa tradicional torneo de futbolín. Por ser unha efeméride especial (a 25 edición da Festa na honra dos mestres telleiros) os participantes inscribíronse individualmente, elixíndose os equipos mediante sorteo. Precisamente, este foi un dos momentos máis emocionantes e divertidos da xornada.



O destino quixo que se xuntara a parella formada por Gerardo González Gómez (Gera) e Sergio Casal Fernández (Yeya), que nunha fantástica final gañaron a José Ángel Fernández Martínez (Quesy) e Álex Casal Iglesias, proclamándose desta maneira, campións deste IV Campionato de Futbolín Os Cabaqueiros.

O terceiro posto foi para Gustavo Jurado Fernández e Andrés Martínez Rocha (Pipu) que venceron no partido de consolación a Jorge Díaz Rocha (Tuka) e Adrián Maquieira Pereira.



A Organización quere agradecer a Daniel Rodríguez Martínez, Rubén Santos Paz (Delio) e ao Bar Troya a cesión dos seus futbolíns para que se puidese celebrar este torneo. Igualmente a Nina López por coordinar e apuntar as partidas na mesa de control, así como a todas aquelas persoas que fan posible este evento lúdico, ano tras ano.

O vindeiro venres 12 de outubro ás 16:30 horas na Praza do Calvario, intres antes do comezo da lectura do pregón e da demostración cabaqueira de “taxicar cabacas e toupos a joucha”, procederase á entrega de premios e trofeos deste IV Campionato de Futbolín Os Cabaqueiros.

Esta foi a clasificación final do torneo:

1º: CHIN CHAN CHUN (Gerardo González González e Sergio Casal Fernández).
2º: LASQUEA LASQUEA (José Ángel Fernández Martínez e Álex Casal Iglesias).
3º: LOS PEYOTES (Gustavo Jurado Fernández e Andrés Martínez Rocha).
4º: NEW TEAM (Jorge Díaz Rocha e Adrián Maquieira Pereira).
5º: DIEVA (Diego Martínez Alonso e Eva Fernández Vicente).
6º: HOME CLARO (Juan Ramón Martínez e Vanesa Sánchez Fernández).
7º: LOS INDECISOS (Carlos Díaz Pereira e Ruth Martínez Barbosa).
8º: GAARA (Sergio Rodríguez Rodríguez e Kevin Carrera Martínez).
9º: PARECE QUE CHOVE (Ignacio Moure Pérez e Conchi Barbosa González).
10º: TRAYEITOR (Jorge Silva Álvarez e Rubén Díaz Rocha).
11º: SR. Y SRA. SMITH (Herbert Fuertes Ebol e Usue Urruela del Piño).
12º: OS AMOCELOS (Santiago González Correa e José Alonso Álvarez).
13º: OS PECOS (Pedro Fernández Carrera e Rebeca Rodríguez Rodríguez).



2 oct. 2012

CELEBRAMOS O XXV ANIVERSARIO DA FESTA DO CABAQUEIRO. DÍAS 6, 11, 12, 13 E 14 DE OUTUBRO





Este 2012 conmemoramos o 25 Aniversario da Festa do Cabaqueiro, en lembranza e homenaxe aos vellos mestres telleiros do Baixo Miño.

O luns 1 de outubro celebrouse no Concello do Rosal a reunión cos cabaqueiros e a presentación da Festa (na imaxe). Presentou e dirixiu o acto a concelleira de Cultura, Charo Tabales Perozo, asistindo igualmente o alcalde, Jesús Mª Fernández Portela, a tenente de alcalde, Mª Carmen Alonso e o concelleiro de Deportes, Pablo Flores Díaz.

Interviron tamén por suposto, nesta xuntanza previa, os cabaqueiros Piedra, Benito, Campelo, Dino, Trintiña, Juanciño, Luis, Juan Vicente, Telis e Alfredo. Ademais o acto contou coa presenza do coordinador e cofundador da Festa do Cabaqueiro, Xoán Martínez Tamuxe, así como do presidente da Asociación Os Cabaqueiros, Juan Ramón Martínez Barbosa e do seu vicepresidente, Sergio Casal Fernández.

Anunciouse alí que os días 6, 11, 12, 13 e 14 de outubro terá lugar a "XXV Romancha do Cabaqueiro. Festas da Pilarica na Daordaria do Rosal". Este é o programa completo dos festexos.


PROGRAMA

DÍA 6

A partir das 15:00 horas, IV CAMPIONATO DE FUTBOLÍN “OS CABAQUEIROS”. 

DÍA 11

Ás 17:00 horas, OBRADOIROS DE TELLAS para NENOS/AS.

VERBENA a partir das 22:00 horas, coas ORQUESTRAS ILUSIÓN E ATENAS

DÍA 12

Ás 12:00 horas, MISA SOLEMNE, cantada polo CORO ECOS DO FOLÓN.

Ás 16:30 horas, entregaranse os trofeos do IV Campionato de Futbolín Os Cabaqueiros.

A partir das 17:00 horas: XXV FESTA DE LEMBRANZA “OS CABAQUEIROS”  co pregoeiro D. ERMELINDO PORTELA SILVA, escritor e profesor guardés.

Tamén pola tarde, obradoiros para nenos/as:  teares de Claudia Méndez  e de cerámica de Leandro

A partir das 19:30 horas, actuarán as Pandeireteiras IR E VIR e a continuación a BANDA DE MÚSICA DA AGRUPACIÓN MUSICAL DO ROSAL.

EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍAS, PEZAS E FERRAMENTA DO CABAQUEIRO

DÍA 13

Pola tarde, obradoiro de teares para nenos/as.

A partir das 22:00 horas, SERÁN DE MÚSICA TRADICIONAL, organizado pola Agrupación Musical do Rosal

DÍA 14

Pola tarde, obradoiro de teares para nenos/as.

Ás 19:00 horas, no AUDITORIO MUNICIPAL, concerto de ACORDEÓNS MASCARENHAS, coa actuación de TOÑI SANTOS.

DURANTE OS DÍAS 12, 13 e 14 CELEBRARASE A I FEIRA DE ARTESANÍA NA PRAZA DO CALVARIO.


21 jun. 2012

A ASOCIACIÓN OS CABAQUEIROS ESTIVO NA PRESENTACIÓN DO LIBRO DE ÁNGELES VEREA




O venres 15 de xuño tivo lugar no Centro Cultural da Guarda a presentación do libro Os desprazamentos estacionais dos telleiros do Baixo Miño (1750-1899) e das actuacións realizadas nos Fornos Cerámicos da Xunqueira de Salcidos. 


Deu a benvida o concelleiro de Patrimonio guardés, Javier Crespo González, quen se encargou á súa vez, de presentar a Mª de los Ángeles Verea Castelo, profesora e autora deste estudo de investigación sobre os "cabaqueiros".

Na mesa presidencial acompañábaos, por suposto, o alcalde da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas e Anxo Xoán Rajó Pazo, de Estela Loxística e Proxectos S.L., empresa que acometeu as obras na Xunqueira.


Entre o público asistente se atopaban os concelleiros de Cultura da Guarda e O Rosal, Antonio Lomba Baz e Charo Tabales Perozo, o historiador Joaquín Miguel Villa Álvarez, os telleiros e estudosos do tema, Praxíteles González Martínez e Victoriano Rodríguez González así como o presidente da Asociación Os Cabaqueiros, Juan Ramón Martínez Barbosa.


Mención especial e agradecemento público recibiron tamén neste acto, pola súa colaboración na restauración dos Fornos da Xunqueira, Feliciano González Otero, presidente da Comunidade de Montes de Salcidos e Xoán Martínez Tamuxe, escritor, cofundador e coordinador da Festa do Cabaqueiro.


Aquí vos deixamos a nosa pequena reportaxe fotográfica deste interesante evento cultural.

14 jun. 2012

PRESENTACIÓN DUN LIBRO DOS CABAQUEIROS DO BAIXO MIÑO, ESTE VENRES, NA GUARDA



Diferentes membros da Asociación Os Cabaqueiros están convidados á presentación do libro Os desprazamentos estacionais dos telleiros do Baixo Miño, da autoría de Ángeles Verea Castelo* e das actuacións realizadas nos Fornos Cerámicos da Xunqueira de Salcidos. 

O acto se celebrará este venres 15 de xuño ás 20:30 horas no Centro Cultural da Guarda.

Presidente e vicepresidente da Asociación, cos cabaqueiros do Rosal, na Xunqueira

Ángeles Verea Castelo é a gañadora con esta obra do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo 2010 na modalidade de ámbito galego.

O xurado estivo composto naquela ocasión por José María Bello Maneiro, alcalde de Valga; Fernando Acuña Castroviejo, catedrático de arqueoloxía; Marcial Gondar Portasany, catedrático de antropoloxía; Xulio Rodríguez González, do corpo superior de museos; Pegerto Saavedra Fernández, catedrático de historia; Pablo Sánchez Ferro, neto de Xesús Ferro Couselo e José Ramón Rial Becerra. (Fonte: La Voz de Galicia).

13 jun. 2012

VTELEVISIÓN EMITIRÁ EN BREVE UNHA PEQUENA RESEÑA DA ASOCIACIÓN OS CABAQUEIROS



Segundo nos comunican, emitirase en breve nos informativos de VTELEVISIÓN unha pequena reseña sobre a Asociación Os Cabaqueiros, como homenaxe aos nosos vellos mestres telleiros neste 25 aniversario da súa Festa, lembrando tamén os campionatos que organizamos e organizaremos. (Na imaxe, os cabaqueiros participantes na demostración do pasado ano de "taxicar cabacas e toupos á joucha").
Lembramos, como sempre, que entre os fins da Asociación están o promover a Cultura e a Festa do Cabaqueiro, fomentar o desenrolo cultural do Baixo Miño, así como promocionar o xogo do futbolín e crear un ambiente de festexo entre todos os veciños e veciñas da Comarca.

12 jun. 2012

BIOGRAFÍA DE VICENTE FERNÁNDEZ ÁLVAREZ, "VICENTE DE ADRIÁN". (Parte II)



Segunda parte da homenaxe-biografía de Vicente  

TELLEIRA DE NAVAS DE LA ASUNCIÓN
            Aquí en Segovia, temporada de 1957, Vicente traballou en sociedade con seu cuñado Manuel Pérez Portela. Manuel actuaba como buxa, e Vicente, como xefe de persoal ou da cuadrilla, e ambos como oficiais. Formaban parte de cuadrilla Manuel Cerqueira (+) e seu fillo Paulino. Manuel, como carretilleiro-pieiro e Paulino como tendedor, o propio que Benjamín Flores (+). Vicente sacou sobre 11.000 ptas. no total da fabricación.
            Na temporada seguinte continúan Manolo – Vicente na sociedade en 1958. Manolo agregouse facéndose cargo dunha cerámica que levaba seu pai, tamén Manolo é cabaqueiro. Rematou a temporada aquí nas Navas, fixo de oficial-xefe, Vicente. O porcentaxe da fabricación nesta temporada, gañou sobre 17.000 ptas.

TRABALLO NA I CERÁMICA EN CAMPO DE SAN PEDRO DE SEGOVIA
            Vicente segue en sociedade con seu cuñado Manolo, na temporada en 1959, ambos xefes. Traballaron tamén nesta ocasión (seu cuñado) Gonzalo Pequeño, de San Miguel. Así mesmo formou parte este ano do equipo de lasqueantes, Sebastián Cerqueira, magnífico tendedor. Nesta temporada, por incluír varios catas do lugar, malográronse varias fornadas, tendo que mandar fora, aos diferentes cocedores. Tamén tívose que reparar as máquinas por diversas avarías. Isto fixo que a temporada fora negativa. Recorda Vicente: “Bo foi que salvamos o lombo”.

TELLEIRA DE CASTRILLO DE LA VEGA
            En 1960, repítese una vez máis, aquela asociación Manolo – Vicente, pero nesta ocasión en Aranda de Duero (Burgos). Nesta temporada se fabricou tella, a dous bancos efectivos. Tivemos mala sorte, di Vicente, xa que nas inmediacións levantáronse diversas cerámicas, facéndonos competencia. Rematamos vendendo cantidade de material fabricado a baixo prezo. Neste ano traballamos sobre 9 meses a cocer. Nos di Vicente: “Bo foi que salvamos as contas”.


TELLEIRA-FÁBRICA DO TOXO EN LALÍN
            Cóntanos Vicente que tamén nesta cabaqueira (cerámica) de Lalín, traballou asociado con Manolo Pérez Portela, levantando a fábrica. Vicente figuraba como encargado do persoal e responsable do forno. Formaron parte da cuadrilla tanto Gonzalo Pequeño, como Sebastián.
            A cabaqueira era da familia Paniagua, de Ourense. Fixéronse cargo da industria, traballando como técnicos contratados, cobrando por pezas fabricadas.
            Nos refire o amigo Vicente de Adrián, que asociado con Manolo, seu cuñado, aínda seguiu en 1962, 63 e 1964; pero resultando cada vez máis imposible o entendemento, e, por sentirse prexudicado, deuse por rematada esta forma asociada.

CERÁMICA DE SANTA TERESA, EN MADRID
            Vicente este ano 1965, traballa nesta cerámica, na carreteira de Alcobendas, asociado a seu irmán Florencio. Colleron, di, unha boa contrata co dono da industria, Paco Bueno. Tiñan unha cuadrilla de 10 obreiros e traballaban con forno continuo. Florencio, todo un técnico, era responsable na fabricación; Vicente levaba o control do persoal e así como na carga e descarga do forno.
Mentres Florencio se quedou un mes máis (pasando a Yunquera de Henares). Alí fabricou toda clase de material para unha nova industria. Nesta ocasión por nacer, Álvara, súa filla, Vicente baixou a casa.

TAMÉN NA CERÁMICA DE GUADALAJARA
            Aquí repetirían os anos, 1966, 67, 68, 69 e 70, traballando por pezas. Se coincide co “Polo de Desarrollo” de Guadalajara. Época moi boa e boas temporadas. Con estes anos de lasqueo nas novas industrias cerámicas, Vicente, o mesmo que Florencio, deron por rematado ese tipo de traballo.

OS IRMÁNS, EMIGRAN
            Namentres, comenta Vicente, Florencio marcha a Suíza, el arranca vía Alemaña. Aquí Vicente traballa, durante dúas temporadas 1971-72 de encofrador.
            Xa a finais do 1972 atopámolo traballando en Frankfurt (fábrica de “Opel” General Motors). Aquí inda estivo todo 1973 e parte do 1974.

VICENTE, VOLTA A CASA
            Nesta data, agosto de 1974, o noso cabaqueiro biografiado, Vicente Fernández Álvarez, veterano cabaqueiro daquel tempo, volta definitivamente a casa. E isto, entre outras razóns é porque a súa dona Obdulia, atópase enferma e el quere estar máis preto.

TRABALLANDO NO PASAXE
            Vicente aproveita, como sempre, o tempo. Agora, de 1975 a 1993, traballaría na fábrica de parqué en Camposancos na empresa “Carrero Hermanos”. Cando lle faltaban 6 meses para a xubilación pasa ao “paro”, e no 1993, cumpridos os 65 anos, pasa ó estado de xubilado.

DEFINITIVAMENTE: TRABALLO NA CASA
            Xa na casa aproveita para traballar, pois é home activo, monta invernadeiros, planta viña e “en nova ocasión”, 2010 (vende o seu cupo, di) e gaña cartos. E aínda así o campo segue sendo, co viaxar por España co seu fillo Lorenzo (con estancia nos mellores paradores nacionais), como quen máis, dita ocupación é o seu mellor pasatempo. Amigo, Vicente, grazas pola túa información.

HOMENAXE AO CABAQUEIRO VICENTE FERNÁNDEZ ÁLVAREZ, "VICENTE DE ADRIÁN"

       

        Na Memoria da XXIII Festa do Cabaqueiro, da autoría de Xoán Martínez Tamuxe e editada polo Concello do Rosal o pasado ano, pódese ler a biografía, a modo de homenaxe de Vicente Fernández Álvarez, alias "Vicente de Adrián":
“O noso biografiado, fillo de Antonio e de Teresa, naceu na Mata, da Cumieira de Arriba, o 30 de outubro de 1928.
            Lémbranos Vicente, que asistiu pouco tempo a escola, cuxo profesor era D. Codino Pérez, ourensán.

TELLEIRA DE TRASANCOS, NARÓN (A CORUÑA)
            Cóntanos o amigo Vicente que a súa primeira cabaqueira foi esta, onde cumpriu os 11 anos. Era buxa seu pai, experimentado cabaqueiro, Antonio Fernández, de orixe portugués. Como é lóxico o seu traballo, como principiante, foi o de cociñeiro, recadeiro… Desa cuadrilla cóntanos, formou parte, entre outros, Pepe da Cardosa, do Barrio Novo, home duro, que traballou de oficial. Tendíalle Florencio de Adrián (seu irmán), excelente lasqueante neste oficio, así tamén despois como oficial.

SEGUNDA CABAQUEIRA
            Tamén, conta Vicente, que con seu pai como buxa e na mesma Cabaqueira, en Trasancos (San Mateo), repetiu unha temporada máis. Neste 2º ano lembra como novidade de carretilleiro a Alfredo Caravelo. Por tanto volveron a lasquear os mesmos, oficial Pepe da Cardosa, e tendedor, Florencio. Recorda que o carretilleiro, cobraba 100 ptas. cada mes, en 1941.
            O amo desta telleira, alugou logo esta cabaqueira (así como outros terreos) a un tal Bernabé Castro.

Con Xoán Martínez Tamuxe, entrevistador e autor da Memoria

TRABALLO NO CAMPO
            Desta data a 1950, quedou na casa, traballando coa familia no campo,  pois eran labradores fortes. Vicente foi colaborador singular con seu pai “Antonio de Adrián”, na época da sementeira, na tarefa de labranza, pois, era popular a fama de contar “os de Adrián” cos mellores bois.
           
VICENTE NA MILI
            Vicente Fernández Álvarez cumpriu coa súa quinta a obrigación militar na VIII Unidade de Veterinarios, na Coruña. No servizo militar estivo ano e medio. Como entendía de campo e con animais e carro na casa, encargouse do coidado dun grupo de fortes e lúcidos mulos de tiro, actuando como “carrero” do exército nesta unidade. Nos comentou que cree que, quizás, sexa o único que na mili foi “carrero” (con un carro, tipo do oeste de dous mulos).
            Afirma Vicente, que el aprendeu moito na “mili”, e que aquela experiencia, incluso a de “carreiro”, lle foi de proveito e grande utilidade. Lamenta que se haxa eliminado. Pois, di, a xuventude, podía aprender moitas cousas… no servizo militar.

A TELLEIRA DE VILLAVIEJA DE HIELTES
            Nos comenta o noso biografiado que rematado o servizo, traballou nesa cabaqueira, tendo como oficial a Enrique de Maximino, casado en Pías (abril 1952). Desa telleira e de grandes fincas (quintas), era xefe un tal Antonio Vázquez. Nesta cabaqueira, traballou varias temporadas (1953-1954-1955). Lembra da cuadrilla a Rafael González (Pataqueiro +), Ricardo Alonso (do Picho, casado en Buxán) e tamén a Manolo do Picho, da Cumieira).
            Nesta temporada lembra e ben que traballou moito carrexando con mulos, cantidade de barro. Aquí nesta cabaqueira de Villavieja (Salamanca), quedou moi contento aínda que “lasqueou xido arrañou 3.000 zuricas” na primeira temporada; na 2ª, 4.000; a 3ª, 4.500; a 4ª, 5.000 ptas.

VICENTE, CÁSASE
            O noso cabaqueiro contrae matrimonio con Obdulia Pérez Portela (de Sandián) o 19 de xaneiro de 1955. Do seu matrimonio, tiveron a Lourenzo, Álvara e Braulio Jacobo.
Vicente á dereita, na eira da cabaqueira da que era buxa Santiago do Pino

TELLEIRA DE ESTREMIL CURTIS (A CORUÑA)
            Nesta telleira traballou en sociedade con seu irmán Florencio. Tiñan de “buxa” ou amo a Ramón Ventureira, cata de Curtis. Era xefe da cuadrilla Florencio, que compartía con Vicente como oficial o segundo banco ou traseiro (traballo en correa). Aquí traballou Santiago do Pino, como “primeiro oficial”, a quen lle tendía, un irmán de Manolo Sandianes. Nesta temporada Vicente sacou 6.000 ptas.

Fin da primeira parte. Continuará...

OS CABAQUEIROS DO BAIXO MIÑO E AS TELLEIRAS DE CESANTES, POR JOSÉ BOUZÓN





En primeiro lugar gustaríame agradecer, no meu nome e en nome do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy, a quen represento, a invitación para ler o pregón da vixésimo terceira festa do Cabaqueiro, sobre todo tendo en conta a nosa curta achega ao grupo de persoas que traballan no estudo e na recuperación da historia dos cabaqueiros.
Foi en setembro do ano 2006, por mor da realización dun estudo para a recuperación da historia da Parroquia de Cesantes, no concello de Redondela, cando un grupo de traballo do Obradoiro Fernando Monroy, comezou a investigación ao redor da existencia de numerosos restos dunha telleira na nosa Parroquia.
A pesar de que este feito era coñecido polos veciños da zona, non o era a importancia que, tanto desde o punto de vista arqueolóxico como histórico, teñen os restos que alí existen, pois se localizaron, en bastante bo estado de conservación, os restos de catro fornos e dúas pías e sospeitamos que poden existir aínda máis, posto que a zona é ampla e está bastante abandonada.


Tras a limpeza e localización dos restos, o grupo de traballo dedícase a recoller información das persoas que puideron explotar estas fábricas, o que nos leva ata ó Concello do Rosal. A amabilidade e cortesía das persoas que aquí traballan estes temas, facilitounos de xeito claro a nosa tarefa de investigación e deunos a primeira das alegrías, pois na memoria da X Festa do Cabaqueiro e no pregón lido por Ernesto Iglesias Almeida, publícase:
“Aviéndose dado conta polo Abad de Zesantes, de que Josef González Lascarín, fabricante de teza, non pagaba o diezmo diso como debía, en conformidade do costume unibersal, en que se prexudicaba así mesmo ao Cabildo, como partífice na metade de diezmo. E no seu bista acordouse acudir ao ordinario Excelencia executándole pola súa importe e que o execute no subcesibo sen a menor escusa para o que se forme o recurso correspondente.” (22 de agosto do ano 1781)

O telleiro José González Lascarín é un dos buxas máis antigos que se coñece, tal como exprésase na publicación do Concello do Rosal. Era natural de San Miguel de Tabagón, onde vivía coa súa esposa María Martínez-Foguete Ferreira (natural de Salcidos) e traballaba na Telleira de Cesantes.
Desde esas datas, a relación entre os telleiros do Baixo Miño e as telleiras de Cesantes continuou ata o ano 1929 en que deixaron de funcionar. As cuadrillas que saían na primavera instalábanse na nosa parroquia ata o outono, dando continuidade e vida a unha actividade que condicionou a existencia das persoas que alí residían. Tanto a condicionou que varios dos telleiros que saíron unha primavera non regresaron ese outono, senón que casaron en Cesantes e decidiron establecerse alí, onde hoxe aínda viven os seus descendentes.
Recollendo a luva de Rafael Sánchez Bargiela, que no pregón lido en estas festas expuxo: … resta coñecer a documentación e actividade dos telleiros rosaleiros dende unha nova perspectiva: a dos pobos de acollida … ¿Cantos telleiros namoraron e quedaron nas localidades de destino? queremos achegar o noso gran de area polo que respecta á nosa parroquia e aos que xa consideramos os nosos telleiros.


Durante o século XIX, dúas eran as familias de telleiros que cada primavera chegaban ata Cesantes, os seus representantes: Francisco Antonio Portela Vicente e Francisco Manuel Álvarez Portela. Pois ben, dous dos fillos do primeiro, José Mª e Benito Antonio coñeceron a dúas irmás Dores e Rita Casqueiro, coas que casaron, quedándose nesta parroquia, pero ademais, unha das fillas de Benito Antonio e Rita casaría cun dos fillos de Francisco Manuel Álvarez Portela, Juan Álvarez Portela, coñecido como o “Capitán”. Juan foi o último telleiro de Cesantes.
Seguindo coa procura de información reunímonos cun fillo de Juán Álvarez Portela, o Capitán, chamado Jesús Portela Casqueiro (O Torto), recentemente falecido e que había traballado co seu pai nas telleiras. Nesta entrevista contounos como ademais de facer tellas e ladrillos, os fornos das telleiras de Cesantes serviron para que na guerra civil estivese agochado “O Cabezote” pois aínda que se tapara por arriba o forno, estaba aberta unha das bocas da parte de abaixo, polo que era un bo sitio para agacharse e que ninguén o atopara.
Tamén soubemos dos seus dotes para camiñar, xa que vivían en Salcidos en ían a pé ata Cesantes. “Un día, sendo neno, á hora da comida metinme debaixo da mesa e escoitei a meu pai “O Capitán” dicir que esa noite saían para a telleira de Cesantes. Saíron de noite, a pé, levando a ferramenta e outras cousas a cabalo. Levanteime ás seis da mañá, metín un pouco de comida nunha saqueta e votei a andar ata Cesantes.
Ó chegar a Cividanes, onde había un cemiterio sentín tanto medo que din volta para a casa. O entrar na casa escoitei a miña nai preguntar polo neno, dicindo “deixo vir, xa virá”, así que, sabendo o que me esperaba, volvín a coller a porta e votei a andar cara a Cesantes, aí xa non tiven medo nin o cemiterio nin a nada. Pasei por Tui ás dez da mañá e alí parei para ver como xogaban os rapaces as canicas e de novo a camiñar.
Ó chegar O Porriño tiven que pasar moi despazo e con moito coidado porque alí estaba o cuartel da Guarda Civil e se me collían daríanme unha chaqueta que me ían pór quente. Seguín por Mos e outra vez a pasar medo polo cemiterio e así ata chegar a Cesantes. Cando íamos de volta para Salcidos, cargábamos no cabalo 6 ou 7 sacos de mariscos, se íamos costa abaixo montábamos no cabalo e senón a pé, e levabámolos ata a Guarda, onde o vendíamos e facíamos o capital”.
As relacións entre telleiros do Baixo Miño e as telleiras de Cesantes foron continuas, polo menos durante dous séculos. A nosa homenaxe aos cabaqueiros no día da súa festa é dar continuidade a esa relación, trasladada agora ao ámbito da investigación e a divulgación, entre a parroquia de Cesantes e o Concello do Rosal, iniciada fai xa tres anos, e que esperamos supere aqueles dous séculos de relacións.
Moitas grazas.
José Manuel Bouzón Pintos
(Memoria da XXIII Festa do Cabaqueiro. O Rosal 2011)