9 feb 2012

A PRESENTACIÓN DA LIGA NACIONAL DE FUTBOLÍN NO BAIXO MIÑO CELÉBRASE O VENRES NO CENTRO SOCIAL POLIVALENTE DO ROSAL




O venres 10 de febreiro ás 20:30 horas, o Centro Social Polivalente do Rosal acollerá o acto de presentación da Liga Nacional de Futbolín no Baixo Miño que organizará a Asociación Os Cabaqueiros a partir deste ano 2012 en colaboración con Presas e Recreativos Jopeco.
Igualmente se fará entrega dos diplomas conmemorativos tanto do I Open do Rosal celebrado en xaneiro no Bar Troya como do II no Bar Floro. Os colaboradores (empresas e particulares) que teñen colaborado durante o ano 2011 coa Asociación tamén serán homenaxeados. A entrada é libre e gratuíta.
Está confirmada –entre outras- a presenza do alcalde da vila, Jesús Mª Fernández Portela e do concelleiro de Deportes, Pablo Flores Díaz. Así mesmo asistirán á presentación desta Liga, Alfonso Méndez Sánchez, propietario de Recreativos Jopeco e delegado de Presas na comarca baixomiñota acompañado de José Luis Busto, máximo responsable da organización deste tipo de eventos a nivel nacional e coordinador da web mundofutbolín.com
A proposta final da Asociación será a de crear dúas categorías (1ª e 2ª División) así como unha Liga Feminina Nacional no Baixo Miño que remataría en maio, estando todos os equipos participantes federados e con opción de ir gratuitamente aos distintos Campionatos de España de Futbolín.
A inscrición na Liga Nacional será de tan só 7,5 € por persoa (15 € a parella) dende a creación e comezo en febreiro ata o seu remate nese mes de maio.
Ao final do acto quen desexe apuntarse na Liga Nacional xa poderá facelo. Como colofón, a Asociación Os Cabaqueiros, agasallará aos asistentes cuns pinchiños e un viño galego.
Máis información no teléfono 637 311 007, no correo electrónico asociacioncabaqueiros@hotmail.com e no perfil da Asociación en facebook.

0 comentarios: